24 ene. 2011

El Señor del Cero

José Ben Alvar é un rapaz mozárabe alcumado Sidi Sifr, "o Señor do Cero", pola súa gran habilidade para o cálculo. Pero a envexa dun dos seus compañeiros de estudos obrigarao a fuxir de Córdoba, ao ser acusado inxustamente de blasfemia ante o cadí da cidade, Ibn Rezi. Este, crendo na súa inocencia, facilitaralle un destino, encomendándolle, ademais, unha misión: será acollido no mosteiro de Santa María de Ripoll, dende onde lle terá que informar por carta das intencións dos condes cataláns, que pactaron co Califa á marxe do seu rei natural, Lotario.

No mosteiro, José traballará na biblioteca, traducindo ao latín textos árabes sobre cálculo e aritmética que el mesmo trouxera. Isto carrexaralle novos problemas, xa que o sancristán, home ignorante e, como consecuencia, intolerante co descoñecido, considerará que as ensinanzas contidas neses libros son contrarias á fe cristiá, denunciando ao mozo de cometer actos de herexía ante o seu arcebispo.

Con todo, o noso protagonista fará tamén boas amizades, como a de Gerbert d'Aurillac, un monxe ao que amosará as vantaxes da numeración arábiga sobre a romana e que, anos máis tarde, acabará converténdose nun dos Pontífices recordados pola Historia, o Papa Silvestre II. Ademais, José atopará o amor en Emma, unha noviza filla dun conde, coa que se escapará, para fuxir ambos dos seus respectivos problemas persoais, formando con ela unha nova familia, aínda que lonxe para sempre da súa Córdoba natal e dos seus pais.


Mª Isabel Molina transpórtanos con este libro á España do século X, reflectindo de forma fiel os principais problemas desta etapa histórica na Península Ibérica. A historia narrada axúdanos a comprender como era daquela a convivencia entre cristiáns, mozárabes e musulmáns, deixando entrever o esplendor cultural destes últimos.
Pero a interculturalidade non é o único tema tratado, pois aparecen outros asuntos secundarios: a importancia do cero nos avances aritméticos, a iniciación do futuro Papa Silvestre II no coñecemento da numeración arábiga e, tamén, unha aventura amorosa que se complicará debido ás intrigas políticas do momento.

En definitiva, "El Señor del Cero" é un libro que nos fala de Matemáticas e de Historia, pero que, sobre todo, prentende demostrar que as persoas non son mellores ou peores por pertencer a unha determinada raza ou cultura, nin tampouco por profesar unha relixión concreta, senón que a envexa, a avaricia e a intolerancia son erros que os seres humanos cometemos dende o principio dos tempos, independentemente da cor da nosa pel ou das nosas crenzas.

18 ene. 2011

Oda á ecuación

A ecuación é lume que apagar debes.
Resolvela é de tolos, é de morte,
é preciso saber todas as regras
e ata ter unha boa dose de sorte.

A primeira cousa a ter en conta
cando se mira unha ecuación,
é ver se tivese parénteses,
pois xa se sabe que unhas teñen e outras non.
Se os tivese, é por aí que debes comezar.

Sinal "+" antes: todo queda igual.
Mais todo o que vén a seguir deberás trocar,
se antes das parénteses, o "-" fose o sinal.
A seguir... alerta cos denominadores!
Todos teñen que ser iguais para poder avanzar.

Os sinais negativos antes das fraccións
son chanzos onde podes tropezar.
É preciso non esquecer ningún sinal
e estar atento ao coeficiente malfadado.
E se un termo non interesa onde está,
múdase o sinal e pásase ao outro lado.

Cando a incógnita estivese soíña,
podemos dar a tarefa por finda.
E, entón, sen nunca esquecer o que foi feito,
escribirase a buscada solución con moito xeito.