11 feb. 2011

Coa Igrexa topamos!

De todos é sabido que Ciencia e Igrexa nunca fixeron demasiado bo caldo; de feito, razón e fe son dous termos que case sempre aparecen enfrontados entre si.
Con todo, e como toda regra ten a súa excepción, a Historia deixounos o exemplo dunha persoa que soubo conxugar a súa paixón polo saber co seu amor a Deus, converténdose no primeiro e único Papa matemático. Estoume referindo a Gerbert d'Aurillac, máis coñecido como Papa Silvestre II. Posiblemente, o seu nome che resulte familiar, dado que era un dos personaxes secundarios do libro "El señor del cero", comentado na entrada anterior.

Gerbert d'Aurillac naceu a mediados do século X en Francia. Pronto ingresou na orde beneditina, onde comezou a estudar o Trivium (Gramática, Lóxica e Retórica). Para completar a súa formación viaxou a Barcelona e, baixo a tutela do conde Borrell II e do Bispo de Vic, instruíuse tamén no Quadrivium (Aritmética, Xeometría, Astronomía e Música). Adquiriu así unha sólida formación científica, enriquecéndose especialmente cos coñecementos árabes que xa daquela chegaran á Península Ibérica. A súa extraordinaria valía non pasou desapercibida aos seus superiores, ascendendo rapidamente na súa carreira eclesiástica, para acabar sendo nomeado Papa en 999. Desgraciadamente, o seu pontificado foi curto, pois morrería tan só catro anos despois.
Este home foi un dos científicos máis brillantes da súa época e, ao mesmo tempo, un incomprendido, ao que os dixomedíxomes acusaban de herexía, maxia negra e pactar con Satán. Por fortuna, a Santa Inquisición aínda non existía, xa que, pola contra, o noso querido Gerbert non tería vivido o suficiente para chegar ata O Vaticano. En realidade, os rumores perseguírono ata logo da morte, sendo aberta a súa tumba por orde papal en 1648 para comprobar se estaba habitada por diaños.
 Como matemático foi o primeiro en introducir o sistema de numeración indo-arábigo, co cero incluído, explicando as súas vantaxes con respecto ao tradicional romano, tan complicado para escribir números e realizar cálculos. Pero a súa proposta non callou, pois os cristiáns consideraban que todo o procedente dos infieis tiña que ver co demo, de modo que se negaron a utilizar as novas cifras. Porén, este sistema terminaría impoñéndose en toda Europa douscentos anos máis tarde, grazas ao italiano Fibonacci.

Números indo-arábigos

Ademais de difundir as cifras árabes, Gerbert tamén popularizou outros dous instrumentos de orixe sarracena: o astrolabio, cuxo uso estendeuse por todo o mundo latino dende Cataluña, e o ábaco, escribindo unha serie de regras para o emprego de ambos. Así mesmo, dedicou boa parte da súa vida á investigación, chegando a inventar un órgano a vapor, varias máquinas hidráulicas, unha táboa de cálculo e un primitivo reloxo de péndulo.
A pesar de que a Ciencia e a Música lle apaixonaban, Silvestre II destacou no seu traballo como líder relixioso e político, sendo o gran organizador da Igrexa en Polonia e en Hungría.

En definitiva, o noso Papa matemático foi un home adiantado ao seu tempo, que cría firmemente que Deus non está en contra do progreso e que, entre oración e oración, se dedicaba a ir descubrindo algunha "cousiña" coa que facer a vida un pouco máis fácil e cómoda aos seus coetáneos.

Fonte:   Revista digital "Matemática, Educación e Internet"

No hay comentarios: